A actividade terá lugar o vindeiro martes, 22 de xullo, ás 22:30 horas na Praza Anxo Fernández Gómez, será gratuíta e aberta a todos os públicos.
A proposta insírese dentro das accións que o centro desenvolve ao longo do ano para acercar a UE á veciñanza, fomentando o compromiso cidadán co futuro común europeo.
O centro municipal de información europea Europe Direct Lugo organiza o vindeiro martes 22 de xullo ás 22:30 horas unha sesión de cine ao aire libre na praza Anxo Fernández Gómez, cunha proposta cultural gratuíta e aberta a todos os públicos. A película escollida para esta ocasión é “La mujer de la montaña”, filme recoñecido internacionalmente que foi gañador do Premio LUX de Cine do Parlamento Europeo no ano 2018.
Esta coprodución de Islandia, Francia e Ucraína, dirixida por Benedikt Erlingsson, foi destacada pola súa capacidade para abordar con orixinalidade e sensibilidade temas sociais de gran relevancia como a sostibilidade ambiental, o empoderamento feminino e a maternidade, a través da historia dunha muller que decide loitar contra unha industria contaminante no seu país. A súa calidade artística e o seu impacto emocional foron recoñecidos en festivais internacionais e polo propio Parlamento Europeo.
O Premio LUX, promovido pola Eurocámara, recoñece películas que fomentan o debate social e cultural dentro da Unión Europea, achegando cuestións fundamentais ao público e contribuíndo á promoción dos valores europeos de democracia, igualdade e xustiza social.
Con esta actividade, Europe Direct Lugo busca achegar a cidadanía lucense ao proxecto europeo, ofrecer un espazo de reflexión sobre os desafíos actuais da UE e promover a participación activa da sociedade a través da cultura. A proxección será totalmente gratuíta e contará cun detalle especial para o público asistente: haberá flocos de millo para todos e todas, nun ambiente distendido e familiar.
Esta proposta insírese dentro das accións que Europe Direct Lugo desenvolve para acercar Europa á veciñanza de Lugo, fomentando a información crítica e o compromiso cidadán co futuro común europeo.