Europe Direct Lugo impulsa unha xornada ambiental no IES Xermán Ancochea

O alumnado deste centro participou nunha plantación de árbores grazas a unha iniciativa promovida polo centro de información europea do Concello de Lugo.

A actividade destacou a importancia das árbores senlleiras e o coidado dos bosques.

O IES Xermán Ancochea de A Pobra de Trives acolleu unha xornada especial de concienciación ambiental promovida e organizada polo centro Europe Direct Lugo, dependente da concellería de Dinamización Económica e Relacións Institucionais do Concello de Lugo. En colaboración co Concello de San Xoán de Río, ambos membros da Rede BELC, o evento puxo en valor o respecto polo medio ambiente e a importancia da protección dos bosques, con especial atención ás árbores senlleiras que forman parte do patrimonio natural de cada rexión.

A actividade contou coa participación de Xosé Santos, da Asociación de Amigos das Árbores da Limia, quen guiou ao alumnado nunha experiencia enriquecedora: a plantación da súa propia árbore. Este xesto simbólico serviu para sensibilizar aos estudantes sobre a necesidade de coidar a natureza e contribuír a un futuro máis verde.

Desde Europe Direct Lugo e o IES Xermán Ancochea, agradeceron a colaboración de todos os participantes nesta iniciativa, destacando a importancia de fomentar accións ambientais concretas no ámbito educativo. A xornada reforzou o compromiso da comunidade escolar co coidado do medio ambiente e a sustentabilidade.