A Noite Europea das Persoas Investigadoras reuniu a decenas de lucenses na Praza e o Mercado Municipal, co apoio do Concello

A iniciativa, impulsada polo Campus Terra coa colaboración do centro Europe Direct Lugo, incluíu obradoiros lúdicos e de balde sobre temáticas científicas e tecnolóxicas.

Mauricio Repetto: “Trátase dunha magnífica oportunidade para descubrir vocacións científicas entre a mocidade e visibilizar a gran potencialidade do Campus Terra lucense”.

O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, participou este venres na Noite Europea das Persoas Investigadoras, G-Night, organizada polo Campus Terra, a través de XuvenCiencia e Agromar, coa colaboración do Concello de Lugo. A iniciativa tivo lugar no Mercado Municipal e na Praza de Abastos e incluíu numerosos obradoiros lúdicos e de balde sobre temáticas científicas e tecnolóxicas como robótica, intelixencia artificial, realidade aumentada, química ou impresión 3D, entre outras.

Neste senso, o concelleiro puxo en valor a colaboración permanente que o Executivo Municipal mantén coa Universidade para apoiar as iniciativas que se poñen en marcha dende o Campus Terra, “co obxectivo de ofercer os mellores servizos e traballar xuntos polo futuro de Lugo”, ao tempo que describiu esta iniciativa como “unha magnífica oportunidade para descubrir vocacións científicas entre a mocidade e visibilizar a gran potencialidade do Campus lucense, como un campus referente no ámbito tecnolóxico”.

Decenas de persoas participaron nestas actividades, promovidas pola USC coa colaboración do Concello, a través do centro Europe Direct Lugo, que tamén incluíron exhibicións e charlas para toda a familia.