Aberto o prazo de inscrición na semana europea das rexións e das cidades 2020 (#euregionsweek)

 Xa está aberto o prazo de inscrición na Semana Europea das Rexións e das Cidades #EURegionsWeek 2020, na que a Deputación de Lugo coordinará a celebración dun taller de traballo xunto con outros tres socios europeos, e no que se debaterá sobre O RETO EUROPEO DO ENVELLECEMENTO ACTIVO POST COVID 19

Trátase dun proxecto liderado pola Deputación de Lugo para o que se constituíu unha Asociación Rexional na que participan como socios outros tres países: a rexión de Burgerland, en Austria, a municipalidade de Mantua, na rexión de Lombardía (Italia) e o municipio de Palaio Faliro, en Atenas (Grecia). Hai que lembrar que a Deputación de Lugo, foi seleccionada entre mais de 6000 candidaturas para participar no maior evento anual de política rexional que se celebra en toda Europa. 

Debido ás medidas de seguridade e a situación sanitaria provocada pola COVID 19, este ano será a primeira Semana Europea das Rexións e das Cidades que se celebrará totalmente en formato dixital xa que todas as sesións de traballo organizaranse virtualmente sen audiencia física. A pesar das dificultades xeradas pola pandemia, a #EURegionsWeek 2020 ofrecerá aos participantes máis de 500 sesións de traballo dixital durante as tres primeiras semanas de outubro (do 5 ao 22 de outubro), que se estruturan en tres áreas temáticas: Empoderar aos cidadáns; Cohesión e Cooperación; e Europa Verde. Podes consultar o programa completo desta edición e inscribirte na Semana Europea das Rexións e das Cidades nas seguintes ligazóns: 

INSCRICIÓN #EURegionsWeek 2020 

Tras a crise de saúde global do Covid-19, na que os nosos maiores foron a poboación mais afectada, a Deputación de Lugo entende prioritario para as administracións públicas e os axentes sociais e económicos, incorporar factores demográficos no deseño e desenvolvemento de políticas sociais e de saúde. Un dos compromisos prioritarios da actual corporación, é adoptar medidas que favorezan o envellecemento activo dos cidadáns, sendo este un dos temas principais sobre os que xirará o debate no taller de traballo organizado pola entidade provincial e que se inclúe dentro do programa da #EURegionsWeek 2020. Se queres asistir virtualmente ao taller de traballo liderado pola Deputación de Lugo e que se celebrará virtualmente o día 13 de outubro do 2020 podes inscribirte na seguinte ligazón: 

O RETO EUROPEO DO ENVELLECEMENTO ACTIVO POST COVID 19 

O prazo de inscrición nesta edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades remata o próximo 27 de setembro.