Entrega de premios #PonteVerde
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, entregou hoxe os premios do VI concurso de fotografía ‘Cidadanía europea en Galicia’, co que este ano a rede de centros de información europea en Galicia, na que se integra o Concello de Lugo, quixo motivar a cidadanía a dar visibilidade aos distintos hábitos ecolóxicos que se adoptan na vida diaria.
Baixo o lema ” Ponte verde!’, o asunto do concurso, tal e como lembrou o edil, vinculábase coa prohibición da Unión Europea da entrega gratuíta de bolsas de plástico aos consumidores, “e en breve serán eliminados os plásticos dun só uso”, sostivo, para destacar a importancia de comezar a concienciar na loita contra o cambio climático desde a infancia.
“Vivimos un momento de transición social e ecolóxica en Europa e cada vez somos máis conscientes dos residuos que xeramos, o que nos ten que levar a adoptar pequenos cambios no noso día a día para reducilos e facer un uso máis responsable dos recursos”, apuntou, para incidir en que “desde o Concello de Lugo estamos a traballar para ser un municipio referente na loita contra o cambio climático, e iso pasa tamén polo cambios de hábitos cidadáns”.
As fotografías gañadoras foron:
– Primeiro premio: ‘Coidemos os nosos ecosistemas” presentada por Andrea Gacio. A motivación da súa fotografía: “Como se pode observar aparece unha ra non seu hábitat natural. Aquí encóntrase unha área de recreo, un espazo natural onde se pode desfrutar da natureza e como non, dunha charca onde se poden estes pequenos animaliños”. Lugar onde foi tomada a fotografía. Área de recreo A Roxica, Abadín. O premio é unha cámara fotográfica.
– Segundo premio: ‘Menos plástico, máis planeta’, presentada por Patricia Rodrigues. A motivación da súa fotografía facía alusión a que “usar alternativas ás bolsas de plástico é coidar o planeta” O premio é unha tablet.
O concurso é unha das actividades conxuntas programadas entre os Europe Direct da rede en Galicia desde hai 6 anos. Este premio é organizado conxuntamente polos centros Europe Direct de Galicia (Europe Direct da Coruña e Europe Direct de Lugo).
As fotografías presentadas poden verse na páxina do concurso