O centro Europe Direct Lugo promove o espectáculo “Historias que transforman” para achegar os ODS e as prioridades da UE á cidadanía

A actividade, que mestura narración oral, música e posta en escena, terá lugar o martes, 8 de xullo, a partir das 19:00 horas na praza Anxo Fernández Gómez, con acceso libre.

Nun ton lúdico e accesible, o espectáculo convida a pensar sobre como as accións individuais e comunitarias poden contribuír a construír un futuro máis xusto e sostible.

Ademais da representación teatral tamén haberá un obradoiro creativo de cadernos de bitácora elaborados con materiais de reciclaxe e un photocall.

O centro municipal Europe Direct Lugo, servizo de información europea do Concello de Lugo, organiza o vindeiro martes, 8 de xullo, a partir das 19:00 horas na praza Anxo Fernández Gómez, o espectáculo “Historias que transforman”, unha proposta cultural e participativa que mestura narración oral, música e posta en escena para sensibilizar á cidadanía sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) 2030 e as prioridades políticas actuais da Unión Europea, como a sustentabilidade ambiental, a inclusión social e a transformación dixital.

A obra representará historias interconectadas que reflexionan sobre como estes grandes retos globais se relacionan co día a día das persoas e coas decisións cotiás que tomamos como cidadáns. Nun ton lúdico e accesible, o espectáculo convida a pensar sobre como as accións individuais e comunitarias poden contribuír a construír un futuro máis sostible, xusto e inclusivo.

Esta actividade persegue varios obxectivos entre os que destacan sensibilizar sobre a relación entre os ODS e as prioridades da UE visibilizando o seu impacto real na vida das persoas, promover o compromiso comunitario e a implicación cidadá tanto a nivel local como europeo e motivar á participación activa en iniciativas e proxectos, demostrando como pequenas decisións poden xerar grandes cambios.

Xunto ao espectáculo teatral as persoas asistentes tamén poderán participar nun obradoiro creativo de cadernos de bitácora elaborados con materiais de reciclaxe unha proposta que conxuga creatividade, conciencia ambiental e aprendizaxe en familia. Ademais, haberá un photocall con teatrillo, para que os asistentes leven un recordo divertido e participativo da xornada.

A actividade está pensada para todos os públicos, é de acceso libre e non require inscrición previa. Este evento forma parte das accións de información e sensibilización cidadá que o centro Europe Direct Lugo desenvolve ao longo do ano para acercar Europa á sociedade lucense e fomentar o coñecemento sobre as políticas e valores comúns da Unión.