O Concello solicita á Comisión a continuidade do único centro oficial de información europea en Galicia, que acolle o CEI-Nodus

O Executivo de Miguel Fernández aprobou na Xunta de Goberno Local concorrer á nova convocatoria de centros para dar continuidade ao servizo ata decembro de 2030.

Posto en marcha polo Concello de Lugo no ano 2009, é actualmente o único da comunidade galega designado pola Comisión Europea como enlace coas institucións da UE.

Ao longo do ano organiza actividades abertas ao público co obxectivo de achegar as institucións, as políticas e os valores europeos á vida diaria da cidadanía.

O Executivo de Miguel Fernández aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada esta semana a concorrencia do Concello de Lugo na convocatoria de propostas posta en marcha pola Comisión Europea, a través da súa Representación en España, para continuar acollendo o centro Europe Direct Lugo durante o período 2026-2030.

Europe Direct Lugo atópase consolidado como o principal punto de información e conexión coa Unión Europea en Galicia, sendo o único centro oficial da rede Europe Direct na comunidade, designado pola Comisión Europea. Un servizo pioneiro posto en marcha polo Concello de Lugo no ano 2009 que ofrece información á cidadanía sobre cuestións comunitarias e que, ao longo deste período, xogou un papel fundamental na divulgación e posta en valor da importancia da financiación europea no ámbito local e rexional.

Con sede no CEI Nodus, Europe Direct Lugo ofrece un servizo de proximidade que permite á veciñanza acceder a información veraz e actualizada sobre programas da UE como Erasmus+, convocatorias de financiamento, mobilidade, bolsas, concursos ou iniciativas cidadás, entre outros moitos temas. A súa actividade serve tamén para visibilizar o impacto real e transformador da política europea na vida cotiá da cidadanía, e como esta contribúe ao desenvolvemento do territorio a través, por exemplo, dos máis de 50 millóns de euros xestionados polo Concello de Lugo procedentes de fondos europeos nas últimas dúas décadas.

Deste xeito, ao longo destes 16 anos, Europe Direct Lugo ten atendido centos de consultas sobre un amplo abano de cuestións relacionadas coa Unión Europea. Grazas á súa sede no CEI Nodus, o centro ofrece un servizo próximo e accesible, tanto para a cidadanía en xeral como para a comunidade educativa.

Aliado do ámbito educativo e ponte co Parlamento Europeo

Un dos piares máis destacados da actividade do centro é o seu labor de divulgación no eido educativo. Europe Direct Lugo mantén unha estreita relación coa comunidade escolar e co profesorado, ofrecendo acceso ao material didáctico da Oficina Europea de Publicacións, recursos que facilitan o ensino das políticas, valores e funcionamento da UE nas aulas.

O centro traballa, ademais, en coordinación coas Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo en Galicia, con especial presenza na provincia de Lugo. Nesta liña, promove iniciativas como o podcast Xuventude Lucense en Europa, que convida á mocidade a reflexionar sobre o seu papel como cidadanía activa e comprometida co proxecto europeo.

Programación para achegar Europa a pé de rúa

Europe Direct Lugo deseña cada ano unha programación de actividades abertas ao público co obxectivo de achegar as institucións, as políticas e os valores europeos á vida diaria da cidadanía. En 2024 destacou a organización dunha conferencia sobre fake news e desinformación a cargo do politólogo e profesor Pablo Simón no auditorio de O Vello Cárcere, e no 2023, un cine-fórum en A Tinería arredor da película O que arde, do director Óliver Laxe, coa participación da actriz Benedicta Sánchez, premio Goya 2020.

Este ano, o centro ten previsto repetir a experiencia do cine ao aire libre, así como levar o teatro á rúa, con propostas que fomenten a reflexión sobre cuestións prioritarias para a UE como a sustentabilidade ambiental, a inclusión social e a transformación dixital, destacando como estas temáticas globais afectan as decisións cotiás das persoas.

Ademais, Europe Direct Lugo colabora con iniciativas organizadas por outras entidades, como a Noite Europea das Persoas Investigadoras, promovida pola Universidade de Santiago de Compostela, ou a Olimpiada sobre a UE da asociación Equipo Europa.

E, cada 9 de maio, o centro organiza actividades para todos os públicos para conmemorar o Día de Europa, con motivo do aniversario da histórica ‘Declaración Schuman’.

As persoas interesadas en coñecer máis sobre o centro poden visitar as súas instalacións no CEI-Nodus (Avenida da Coruña, 500), en horario de luns a venres de 08:30 a 14:30 horas. Ademais, poden contactar a través do teléfono 982 297 473 ou enviando un correo electrónico a europedirect-lugo@lugo.gal. Tamén é posible seguir a súa actividade diaria e estar ao tanto das convocatorias e eventos a través das redes sociais (Facebook, Instagram e X), ou visitar a súa páxina web oficial: www.europedirectlugo.com.