A gravación tivo lugar no Salón de Plenos do Concello coa participación de estudantes dos centros Divino Maestro e San José, Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
“Escoitar á mocidade é esencial para construír unha sociedade máis participativa e consciente dos retos que compartimos en Lugo e en Europa”, destacou a rexedora.
Este pioneiro proxecto promove a reflexión crítica e a cidadanía activa da mocidade lucense como parte fundamental do seu desenvolvemento persoal e educativo.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou esta semana no podcast ‘Xuventude Lucense en Europa’, unha iniciativa pioneira promovida polo centro Europe Direct Lugo, dependente da Concellería de Dinamización Económica e Relacións Institucionais. O Salón de Plenos da Casa Consistorial foi o escenario escollido para a gravación deste novo episodio que contou coa participación de estudantes dos centros educativos CPR Divino Maestro e Colexio FEC San José, ambos membros da rede de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo (EPAS).
Este proxecto, que se puxo en marcha no mes de decembro, ten como finalidade fomentar a reflexión, o diálogo e e a participación activa da mocidade lucense nos principais retos locais e europeos. “É fundamental escoitar á xuventude porque as súas ideas e perspectivas serán as que definan o noso futuro. Este podcast é un exemplo de como establecer un diálogo construtivo entre xeracións e reforzar o vínculo da mocidade coas institucións”, destacou a rexedora.
Os participantes debateron en formato podcast, moderados por un presentador, abordando catro grandes bloques temáticos: Medio Ambiente e Cambio Climático, Igualdade, Lugo e Europa. A actividade incluíu tamén preguntas abertas á alcaldesa, xerando un interesante intercambio de opinións. Neste senso, Alvarellos resaltou a importancia dos temas tratados e apuntou que “escoitar á mocidade é esencial para construír unha sociedade máis participativa e consciente dos retos que compartimos en Lugo e en Europa”.
Pola súa banda, o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, subliñou o valor deste proxecto como exemplo de innovación educativa e compromiso coa cidadanía. Así mesmo, os docentes e coordinadores das Escolas Embaixadoras destacaron a utilidade do formato podcast para que os estudantes desenvolvan habilidades de comunicación e expresen as súas ideas nun entorno colaborativo.
Estruturado en tres fases, o proxecto comezou cun traballo de preparación por parte do alumnado, seguido de gravacións iniciais nos centros educativos, e nesta ocasión chegou ao Salón de Plenos do Concello para dar voz aos mozos e mozas nun espazo institucional emblemático: a casa de todos os lucenses.
Os dous primeiros capítulos, gravados nos propios centros educativos xa están dispoñibles no canal de YouTube da oficina Europe Direct Lugo (https://acortar.link/1532a3) mentres que o episodio gravado na Casa Consistorial publicarase a mediados da vindeira semana nesta mesma canle.
O podcast ‘Xuventude Lucense en Europa’ é un exemplo de comunicación innovadora, promovendo a reflexión crítica e a cidadanía activa da mocidade lucense como parte fundamental do seu desenvolvemento persoal e educativo.
Colaboración entre o centro Europe Direct Lugo e as EPAS
Este proxecto é unha iniciativa do centro municipal de información europea Europe Direct Lugo en colaboración coas Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo. O programa EPAS, no que participan os centros Divino Maestro e San José, ten como obxectivo achegar á mocidade o coñecemento activo da Unión Europea e do Parlamento Europeo. Mediante actividades prácticas e debates, busca promover os valores de participación democrática, igualdade e cidadanía activa, conectando o ámbito local co europeo.