A rexedora, Paula Alvarellos, vén de informar da incorporación de Lugo á Rede BELC, unha plataforma europea de representantes políticos elixidos no ámbito local.
“Crear conversacións sobre a UE a escala local é esencial para manter o impulso xerado pola Conferencia sobre o Futuro de Europa e no marco de NextGenerationEU”, apuntou Alvarellos.
Lugo é tamén o único concello de Galicia que alberga un centro Europe Direct, “que neste 2024 celebra 15 anos achegando a Unión Europea e as súas institucións á cidadanía”.
O Concello de Lugo vén de adherirse á rede Construír Europa coas Autoridades Locais –Rede BELC, polas súas siglas en inglés– co obxectivo de intensificar a comunicación e difusión da Unión Europea no municipio. Así o explicou a rexedora, Paula Alvarellos, quen informou que a finalidade deste proxecto é crear unha rede europea de representantes políticos elixidos no ámbito local, co propósito de fomentar a comunicación de asuntos da UE mediante unha alianza entre as estruturas de goberno europeas e locais.
Deste xeito, o proxecto facilita que os representantes políticos colaboren e difundan información sobre asuntos da UE que afectan á súa circunscrición a escala local. Tamén axuda a impulsar a implicación da cidadanía e a establecer debates ao redor deses mesmos temas, así como sobre o futuro de Europa. Neste senso Alvarellos apuntou que “crear conversacións sobre a UE a escala local é esencial para manter o impulso xerado pola Conferencia sobre o Futuro de Europa e no marco de NextGenerationEU”.
A alcaldesa, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, levou a cabo o descubrimento dunha praca identificativa situada no edificio do CEI Nodus, onde tamén se localiza a oficina Europe Direct Lugo, “que neste 2024 celebra 15 anos achegando a Unión Europea e as súas institucións á cidadanía lucense, sendo Lugo o único concello en Galicia que dispón deste servizo, tras ser seleccionado pola Comisión Europea polo traballo desenvolvido ao longo de todos estes anos para informar e involucrar á cidadanía nos asuntos europeos”.
O proxecto BELC foi posto en marcha recentemente pola Comisión en estreita colaboración co Parlamento Europeo e a Rede europea de correspondentes rexionais e locais da UE do Comité Europeo das Rexións. Actualmente, forman parte da mesma 164 concellos de toda España, 7 da comunidade galega.
Os membros da rede teñen diferentes beneficios, como acceso privilexiado a fontes de comunicación oficiais da UE, materiais de comunicación, seminarios en liña e presenciais, visibilidade a escala da UE das actividades levadas a cabo polos membros no contexto da rede, ou o acceso a unha activa rede de contactos formada por outros participantes da rede a través dunha plataforma en liña específica para iso.